Vos ofrecemos a conferencia, Homo moriens: Cara unha historia das pandemias, impartida o pasado 18 de xuño de 2020 por Olalla López Costas (Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola-USC), Pedro López Barja e Diana Pelaz Flores (Departamento de Historia-USC) no marco das conferencias sobre a Covid-19 organizadas polo Campus da Cidadanía.
A historia das pandemias –que é a historia da relación do ser humano co seu medio natural- está aínda por facer. Afeitos á protección que nos ofrece a medicina moderna e as contornas hixiénicas e saudables nas que vivimos, fáisenos difícil entender que, até hai pouco tempo, moitas enfermidades eran endémicas e os brotes infecciosos, letais e recorrentes. Con todo, algúns episodios do noso pasado cobraron unha importancia maior polo seu carácter pandémico, como a peste antonina da segunda metade do século II ou a peste negra a mediados do século XIV. É probable que, na primeira destas pestes (talvez varíola), morrese un 10% e na segunda (peste bubónica), até un 50% da poboación anterior ao ataque da enfermidade. Non é sinxelo, con todo, medir as súas consecuencias, pois os historiadores oscilan entre posicións minimalistas, que ven nestas pandemias apenas correccións maltusianas de poboacións que creceran excesivamente, e outras moito máis ambiciosas, que sitúan nestes crueis episodios a orixe de grandes cambios, como a crise do século III no Imperio romano, no primeiro caso, ou os inicios do Renacemento, no segundo. Os estudos paleopatolóxicos, a partir dos esqueletos de animais e humanos, permiten mellorar o noso coñecemento das enfermidades do pasado mediante ADN antigo, proteómica e análises macroscópicas. Con todo, o camiño é difícil e o estado dos restos non sempre permite obter a información que necesitamos. Como sucede a miúdo, a colaboración entre disciplinas diversas, como a bioloxía, a medicina ou a historia, faise imprescindible
Commentaires