top of page
Foto del escritorAdministrador

Día internacional da Muller e a Nena na Ciencia: Helena de Carlos Villamarín


Son Helena de Carlos Villamarín, Profesora Titular de Filoloxía Latina na USC, nada o 23 de maio de 1964 en Barbantes-Cenlle (Ourense).


No ano 2019 tiven o privilexio de asistir á defensa dunha tese escrita por unha investigadora baixo a miña dirección e a de outra colega. Esta colega fora xa tamén a miña alumna, levámonos quince anos, que é máis ou menos o que ela lle leva á nosa doutoranda. Atopámonos logo tres xeracións de mulleres investigadoras da USC nun acto que tivo o valor dun símbolo, cada unha de nós representando un elo nunha cadea que xa existe e na que, persoalmente, vinme como o elemento que traía canda si a experiencia e a proxección no pasado. Daquela eu tivera a idea de promover unha sorte de diálogo interxeracional, convidando a outra colega uns quince anos máis vella ca min, é dicir, unha persoa a piques de xubilarse, para partillar impresións sobre as nosas vivencias como investigadoras.


A conversa, que desexaría pública e aberta a todo tipo de persoas, está aínda pendente, e agardo que remate esta situación para que a poidamos manter. Para evitar o mal do presentismo, paréceme moi importante ter unha visión matizada das eivas, e tamén dos aspectos positivos, que a nosa condición de mulleres trouxo canda nós na nosa traxectoria. Eu só podo dicir que no meu caso non quero sesgar a intervención das persoas que marcaron a miña carreira segundo o seu xénero: tiven estímulos positivos por parte de homes, e negativos por parte de mulleres, e viceversa. Pero si me atrevería a dicir que certo ambiente colectivo, certos hábitos de pensamento, certos prexuízos, condicionaron en moi boa medida o meu tránsito pola Universidade, do mesmo xeito que observo que aconteceu con outras compañeiras da miña quinta. Ás veces cualificaría ese tránsito como unha sorte de infancia perpetua, malia que me levaría bastante tempo e moitos matices explicar axeitadamente esta condición. Só agardo, e estou segura de que así será, que tanto a miña colega quince anos máis nova, como a flamante doutora, nunca teñan que vivir un estado así. Iso demostrará que moito temos cambiado como sociedade, tamén neste peculiar mundo académico.



46 visualizaciones0 comentarios

Comments


bottom of page