top of page
Rebeca Blanco Rotea

Un setembro dende Roma ata Santiago: novas sobre congresos, encontros e xornadas


O mes de setembro soe comezar o ano académico coa presenza de investigadores e investigadoras en diferentes congresos para dar conta e difundir os resultados dos traballos que se levan a cabo no ano anterior ou que conclúen proxectos plurianuais. Este ano está sendo especialmente intenso para algúns membros de Síncrisis, do que iremos dando conta na web nos próximos días.

A pasada semana, a nosa compañeira Rebeca Blanco-Rotea coordinou xunto con Margarida Tavares da Conceição (Universidade Nova de Lisboa) a "The Impact of War on Urban Landscape: Transformations and Resilience in European Cities (15th-18th centuries)", que tivo lugar no 14th International Conference on Urban History (EAUH2018) baixo o título “Urban renewal and resilience. Cities in comparative perspective”. Na sesión puidemos explorar o impacto que produciron as guerras en diferentes cidades históricas europeas e euro-asiáticas, transformando radicalmente a súa morfoloxía, e que sucedeu nas mesmas no período da posguerra, tanto dende un punto de vista económico, como social, político ou construtivo. O congreso desenvolveuse entre o 29 e o 2 de setembro en Roma, e a sesión tivo lugar o día 31.

O pasado 7 de setembro presentábase na “24th Annual Meeting of the European Association of Archaeologists. Reflecting futures” unha comunicación titulada “Iron Age and Roman Landscape analysis through Geospatial tools. A macro spatial study of Citânia de Sanfins (Portugal)” de Natália Botica e Sílvia Maciel (ambas da Universidade do Minho) e Rebeca Blanco-Rotea (Síncrisis, USC) na “Session 432: From data description to historical explanation in archaeological spatial analysis: integrating geostatistical methodology and social theoretical models”. Esta sesión resulta dun traballo de colaboración entre a Universidade do Minho e a Universidade de Santiago, como consecuencia da recente estancia finalizada por Rebeca Blanco-Rotea na Unidade de Arqueologia da UMinho. Nela presentouse a metodoloxía que se está levando a cabo para analizar a paisaxe de cambio entre a Idade do Ferro e a romanización no entorno da Citânia de Sanfins (Portugal), na que se combinan ferramentas de análise bibliométrico a través dos SIG, prospección arqueolóxica e análises xeoespaciais.

A próxima semana esta investigadora presentará no XII Congreso Internacional da AIEG. Novos horizontes para unha Galicia global: REDES | TERRITORIO | MEMORIA, que terá lugar en Madrid do 10 ao 15 de setembro a charla “Reflexións sobre figuras de protección de patrimonios complexos. A elaboración do expediente de declaración de BIC das Minas de Wolfram de Valborrás de Casaio (Carballeda de Valdeorras)” no Panel 10 “Memoria e materialidade do franquismo. Unha relación de amor e de odio” o día 13 de setembro. Nela explorará a problemática da elaboración de expedientes de declaración de BIC como figuras de protección de patrimonios cunha forte carga inmaterial cuxa delimitación e encadramento presentan diferentes problemáticas, perante a nova Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

O 25 de setembro coordina en Vigo o comezo do programa “IN SITU. Conxuntos históricos” dentro dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (EMPC) actividade do Consello da Galega, co que se pretende crear outros lugares de reflexión fóra do habitual espazo dos Encontros, trasladando o debate ao contexto xeográfico e social dos bens nos que se focalice cada xornada. Neles preténdese mostrar a diversidade das situacións nas que se atopan os conxuntos históricos e introducir os múltiples e complexos aspectos do debate arredor da protección patrimonial dos mesmos. O primeiro deles centrarase na cidade de Vigo.

E xa en Santiago, o 28 de setembro moderará a mesa “Vellas paisaxes, novas paisaxes e procesos de elaboración dos atlas e catálogos das mesmas” dentro das xornadas MONTES, TERRITORIO E PAISAXE, coordinadas por Pegerto Saavedra e Iago Seara e organizadas polo Consello da Cultura Galega.

49 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page