O último seminario deste curso estará dedicado á cultura árabe medieval, da man da investigadora do Instituto de Lenguas y Culturas del Mediterráneo y Oriente Próximo (CCHS-CSIC) Aurora González Artigao.
O seminario centrarase na dinastía dos Banū Hūd, da Marca Superior, familia que estivo no poder desde o ano 1039 até a chegada dos almorávides no 1111. Xunto coas taifas de Sevilla e Toledo, converteuse nun dos emiratos máis grandes e con maior estabilidade ao longo de todo o século XI, de aí a importancia do estudo do discursos e das manifestacións de soberanía e lexitimidade, así como a relación do emir coa elite intelectual que o rodeaba.
Unha vez caíu a taifa, os Banū Hūd mantiveron certa parcela do poder baixo a protección de Alfonso VII, en concreto, coa figura de Sayf al-Dawla (Zafadola), até a súa morte, acaecida no ano 1147. Así mesmo, na primeira década do século XIII un líder que se levantou contra os almohades reclamaba a súa descendencia hūdí, polo que a transmisión da memoria dinástica resulta fundamental na análise diacrónica e monográfica desta familia ou esta liñaxe, excepcional no caso da taifa de Zaragoza, pois mesmo se mantén tras a conquista cristiá de Granada no século XV.
***
Vémonos o 24 de maio, ás 19:00, na aula 5 da Facultade de Xeografía e Historia.