Este ciclo de cinema, coordinado por Noemí Basanta Llanes (Centro de Estudios Galegos, Universidade do Minho) e a nosa compañeira, Rebeca Blanco-Rotea (Consello da Cultura Galega; Universidade de Santiago de Compostela e Unidade de Arqueologia da UMinho), ten como obxectivo promover o intercambio cultural entre Galicia e o norte de Portugal. A primeira edición, centrada fundamentalmente no cine galego e de fronteira, celebrarase na cidade de Braga onde se localiza o Centro de Estudos Galegos, un dos colaboradores do mesmo e promotores iniciais da iniciativa. Para tal fin, e coa vontade de establecer lazos que conecten ambas realidades, escollemos tres fíos conductores, interrelacionados entre si, que remiten a temáticas transversais e, polo tanto, que procuran unha difusión de amplo espectro da actividade que entronca con diferentes aspectos que son de plena actualidade e preocupación social: a situación social das mulleres, as sociedades rurais, o seu empoderamento e a súa relación co patrimonio.